"The Rebel" | Salón de Actos FFT, Xoves 5 outubro, 11 am.
Coorganizado por Teresa Caneda Cabrera e Alberto Alvarez Lugrís (Grupo T&P)
The Rebel (O Rebelde), ópera rock de Miguel e Iván Caride, xira en torno á figura de Pàdraig Pearse (interpretado maxistralmente por Fernando Dacosta), poeta, mestre, avogado e líder do Alzamento de Pascua (Easter Rising) de 1916 en Irlanda.
Tras ler a declaración de independencia nas escaleiras da oficina de correos de Dublín, Pearse é apreixado polsa tropas británicas e condenado nun consello de guerra a pena de morte por fusilamento xunto co seu irmán William (interpretado por Javier Octavio de Toledo), que deixa unha vida de artista en París para loitar a carón do seu irmán e outros integrantes do movemento en prol da independencia de Irlanda. Os dous poemas máis recoñecidos de Pàdraig Pearse foron escritos desde a súa cela a escasas horas do seu fusilamento, un deles dedicado á súa nai (interpretada por Mela Casal).
O personaxe de Pàdraig interactúa co público nas pezas teatrais, dirixidas por Elena Seijo (integrante de Sarabela Teatro), e convive tamén no escenario coas bailarinas integrantes do grupo Irish Treble ou co propio cantante Iván Caride. Un espectáculo con historia onde a emotividade e a empatía co protagonista se fan evidentes.
Tanto a música coma o espectáculo parte da paixón de Miguel e Iván Caride, que conseguen transportarnos a través das súas composicións a unha época, un lugar e un momento de gran relevancia histórica para Irlanda, acompañados por unha banda de músicos excepcionais e grandes profesionais en cada unha das disciplinas. A rodaxe da curtametraxe foi feita integramente en Galicia, concretamente no Mosteiro de Oseira (Ourense), na costa de Loiba (A Coruña) e en Goián (Pontevedra), emulando as paisaxes e localizacións orixinais de Irlanda e París a comezos de século.
O espectáculo foi aclamado polo embaixador de Irlanda en España, Mr. David Cooney, quen asistíu ao estreo. A ópera-rock galega The Rebel está incluída no libro conmemorativo que se publicou en Irlanda con motivo do centenario do Alzamento de Pascua de 1916.